Tuesday 14 de May de 2024

A Xunta mobiliza medios de recollida de sacos de pellets no mar para tratar de minimizar a súa posible chegada á costa


— O Executivo galego activa dous helicópteros, cinco embarcacións de gran porte e sete patrulleiras para rastrexar a costa galega, un operativo ao que o Goberno central unicamente aporta un avión de vixilancia

— Este dispositivo aéreo e marítimo engádese ao despregado en terra, conformado por máis de 300 efectivos que están a traballar hoxe en máis de 50 praias de 35 concellos e que nos últimos días recuperaron o equivalente a 80 sacos de pellets

— Ángeles Vázquez urxe á Administración central a facer unha avaliación de riscos canto antes para coñecer como están tanto o contedor dos pellets como os outros cinco que caeron ao mar e adaptar a estratexia á situación para poder anticiparse

— O Executivo autonómico creará a próxima semana unha comisión técnica de ecotoxicidade á que convidará ao Goberno central e a centros especializados co fin de elaborar estudos que permitan incrementar a seguridade das costas neste eido

A Xunta acordou hoxe mobilizar medios aéreos e marítimos do Servizo de Gardacostas de Galicia para a busca e recollida de sacos de pellets no mar co obxectivo de minimizar na medida do posible a chegada de máis residuos soltos -se eses sacos rompen- ás praias galegas.

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, explicou tras reunirse con técnicos de Meteogalicia e distintos responsables da Consellería do Mar que o Executivo galego activou dúas aeronaves -os helicópteros Pesca 1 e Pesca 2-, cinco embarcacións de gran porte e outras sete patrulleiras para rastrexar sacos nas costas galegas. A estes medios engádese unicamente un avión mobilizado polo Goberno central.

Deste xeito, estes efectivos aéreos e marítimos realizarán unha busca activa dos sacos de pellets sen descoidar outras funcións que teñen encomendadas como a inspección e vixilancia pesqueira, o control e apoio á frota ou a colaboración en operacións de busca e salvamento marítimo. O obxectivo, incidiu Ángeles Vázquez, “é recuperar cantos máis sacos enteiros mellor para evitar que cheguen milleiros de partículas soltas ás praias, o que dificulta a súa recollida”.

Ademais, destacou que se trata dun operativo por mar que Galicia pode activar froito de que sempre apostou por contar cun Servizo de Gardacostas propio, único en España e con importantes medios -aéreos, marítimos e terrestres-, para dar servizo á que é a maior frota pesqueira do país e un elo fundamental da cadea mar-industria da comunidade, da que viven directamente arredor de 40.000 persoas.

Este labor no medio mariño, incidiu Ánxeles Vázquez, é moi importante ante a previsión de empeoramento das condicións meteorolóxicas e marítimas especialmente a partir de mañá, “con correntes e ventos que fan que a probabilidade de que cheguen pellets á costa sexa maior se están flotando no mar”.

A vicepresidenta segunda detallou que este operativo marítimo se engade así ao persoal mobilizado en terra, que conta con máis de 300 efectivos, e que traballará ao longo do día de hoxe en máis de 50 praias pertencentes a 35 concellos. Ata o momento, engadiu, o seu labor permitiu retirar dos areais o equivalente a 80 sacos de pellets e máis de 1.500 quilos doutros residuos plásticos.

Ánxeles Vázquez -que estivo acompañada pola directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, pola directora do Intecmar, Covadonga Salgado, e polo subdirector xeral do Servizo de Gardacostas, Lino Sexto- urxiu a que o Goberno central realice unha análise de riscos da situación.

“Queremos saber que pasou co contedor dos pellets, se hai sacos no seu interior, e que pasa cos outros cinco contedores que caeron ao mar. Iso permitiría estar mellor preparados para actuar e anticiparnos”, aseverou a representante do Executivo galego.

Ángeles Vázquez tamén anunciou que a vindeira semana a Xunta creará unha comisión técnica de expertos en ecotoxicidade á que se convidará ao Goberno central e a centros especializados co obxectivo de avanzar na elaboración de estudos sobre esta materia e contribuír así a mellorar a seguridade das costas galegas.

Protocolos
A Xunta está a facer un seguimento constante da situación a través do Servizo de Gardacostas de Galicia en coordinación co 112 e o Sistema de Información Ambiental (SIAM) para monitorizar os avisos da chegada deste material á costa e informando aos concellos. Neste sentido, o Executivo galego apela á colaboración da cidadanía para que notifique ao teléfono 112 calquera achado de residuos nas costas galegas para que sexan incluídos nesa monitorización e pasen a integrarse no dispositivo de limpeza.

Nesta liña, a vicepresidenta segunda apelou a que as persoas que queren colaborar na recollida dos restos como voluntarios o fagan con responsabilidade, contactando cos concellos nos que pretenden actuar e así optimizar os traballos. De feito, incidiu, é especialmente sensible o caso das limpezas en áreas protexidas desde o punto de vista ambiental, nas que é preciso solicitar autorización previa á Dirección Xeral de Patrimonio Natural e onde se deben extremar as precaucións para non danar os valores destas áreas así como seguir as recomendacións para protexer os ecosistemas.